CRTVG

Buscar

O Deportivo Xuvenil suma a Noel para forzar a remonta ante o Pogoń Szczecin

Publicado o 19/10/2021 20:06

Prevese que unhas dez mil persoas acompañen o Deportivo en Riazor este mércores. Os xuvenís teñen por diante un reto difícil: darlle a volta a un 3-0 ante o Pogoń Szczecin. Só así poderán manterse na Youth League.

"A xente está esperanzada, transmítese. Esperamos un gran Riazor e iso tennos que servir para intentalo, para dalo todo e para aportarnos esa confianza de que o podemos conseguir", di o adestrador. 

O desafío é maiúsculo, pero o equipo suma para a cita un reforzo relevante. Noel, integrante esta temporada do primero equipo, xogará en Riazor.

"Está con ganas e enerxía. Cando vas cun 3-0 e dispós dun dianteiro como el, tocado cunha flor para marcar... loxicamente necesitamos goles para pasar esta eliminatoria", asegura Manuel Pablo.

Estará Noel e no recordo dos afeccionados a remonta de abril de 2004: eliminatoria de cuartos de final ante o Milán. O Deportivo perdera alá 4-1. En Riazor, Luque fixo o 3-0 ao final do primeiro tempo. Fran púxolle a guinda ao marcador co 4-0 ao daquela campión de Europa. Manuel Pablo estaba no campo.

"Lembro que viñamos moi derrotados de Milán. Creouse un ambiente de que a remonta era posible e empezamos a crelo", recorda o técnico. 

A gran cita o mércores, ás oito, en Riazor.

Noticias web

19/10/2021