CRTVG

Buscar

O Deportivo volve aos adestramentos

Publicado o 14/07/2019 21:02

Vinte días despois da decepción de Mallorca, o Deportivo inicia unha nova temporada cos mesmos obxectivos, pero cun xeito diferente de conseguilos. O responsable de facelo é o novo técnico, Juan Antonio Anquela, quen hai trece días presentou a súa folla de ruta. 

Juan Antonio Anquela, adestrador do R.C. Deportivo: "O primeiro obxectivo que temos é volver ilusionar esta xente".

A tarefa non semella demasiado complicada tal e como se amosou nos primeiros días de renovación dos abonos, onde estivo ata o antigo alcalde da Coruña. O traballo céntrase agora en confeccionar un equipo o suficientemente competitivo para subir. Estes son para Anquela os requisitos que se deben reunir.

Juan Antonio Anquela, adestrador do R.C. Deportivo: "Xente implicada, xente que quera dar ao Deportivo o que a súa afección pide e a súa afección pide unha cousa moi simple, o Deportivo ten que ser sempre un equipo gañador".

De momento, catro son as novidades. O central grego Lampropoulos, internacional procedente do AEK. Do Cádiz chega Ager Aketxe, mentres que o canteirán Borja Galán volve á Coruña trala súa cesión ao Alcorcón. A última fichaxe de Shibasaki, representa un importante salto de calidade. Anquela ten un mes para aplicar o seu plan de ascenso. 

Juan Antonio Anquela, adestrador do R.C. Deportivo. "Formar un bo equipo, que compita e que sexa capaz de estar arriba desde o primeiro partido".

Vinte e seis xogadores están citados ás oito e media da mañá en Abegondo para comezar a pretemporada, entre eles oito do Fabril e o dianteiro Rolan, cedido nas dúas últimas temporadas. Nesa convocatoria non figuran nin Edu Expósito, nin Quique González, traspasados ao Eibar nas últimas horas. Malia todo, o deportivismo amósase irredutible.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/07/2019