CRTVG

Buscar

O Deportivo vence e xogará a promoción de ascenso co Málaga

Publicado o 09/06/2019 13:17

O recibimento en Riazor foi o das grandes ocasións. Logo dunha temporada convulsa como poucas, os afeccionados deportivistas entenderon que o seu apoio ía ser fundamental.

Adriá Ortolá gravou a chegada ao estadio dun equipo que, extramotivado polo que estaba en xogo, deixou claro desde o inicio do encontro a súa intención de non dar lugar á sorpresa. E é que o fútbol quixo que o Deportivo dependera de si mesmo na última xornada.

O triunfo ante o Córdoba, xa descendido e en proceso de descomposición, garantía o play off. E os brancos e azuis non perderon o tempo. Foron acumulando ocasións que, como lles estaba a acontecer ultimamente, estragaban unha tras outra. A superioridade non se reflectía no marcador e os nervios comezaban a aparecer. O partido encamiñábase ao tempo de lecer cando unha combinación entre Edu Expósito e Saúl acabou por fin co balón no fondo das mallas da portería de Carlos Abad.

Borja Valle, no minuto 45, levaba a tranquilidade ás bancadas de Riazor e permitía que o conxunto coruñés afrontara con confianza a segunda metade do encontro. E máis aínda cando, ao pouco do recomezo, Pedro Sánchez lograba o segundo cun sensacional disparo. Todo un golazo para sentenciar o choque e a clasificación para o play off. O obxectivo mínimo da temporada estaba conseguido.

O resto do partido transcorreu sen máis sobresaltos que un disparo ao ferro de Piovaccari que non apagou a festa deportivista previa ao camiño definitivo do ascenso a primeira. Un camiño que aparece agora cheo de ilusión, tal e como apunta o adestrador do Deportivo, Pep Martí, que di que o equipo chega cunha ilusión e unha paixón tremendas por conseguir o obxectivo.

"Iso non llo van quitar a estes xogadores porque o demostran día a día. Cando estaban no vestiario agora mesmo, con esa cara de felicidade para buscar ese obxectivo, sabendo que cumprimos o primeiro obxectivo, que era clasificarnos, e que a partir de aquí van ser dúas eliminatorias moi duras".

A primeira delas, ante o Málaga. O terceiro clasificado xogará en Riazor o mércores o encontro de ida dunha eliminatoria que se resolverá o vindeiro sábado na Rosaleda. Dani Giménez está seguro de que o Málaga non quería enfrontarse ao Deportivo.

Noticias web

09/06/2019