O Deportivo só logra empatar en Riazor ante o Cádiz
O Deportivo deixou escapar dous novos puntos de Riazor e consegue un empate ante un rival directo que lle sabe a pouco. Apostou Martí polo once que lle dera a vitoria en Zaragoza, coa única excepción da entrada de Nahuel por Borja Valle.
A primeira chegada dos coruñeses foi de Eneko Bóveda, a cacholada acabou nas mans de Cifuentes. Contrarrestou o Cádiz con este tiro de falta de Aketxe, pero topou con Dani Giménez.
A máis clara dos brancos e azuis chegou no 39, xogada combinativa entre Nahuel e Fede Cartabia, o arxentino asiste a Carlos Fernández, quen cun potente zurdazo deixou o pau abaneando.
Foi o aviso de que o gol andaba preto.
Catro minutos máis tarde, Bóveda recupera un balón, pon o centro á área, e Quique logra superar a Cifuentes. O valisoletano anotaba o seu gol dezaseis coa camisola brancoazul.
Co 1-0 iríase ao descanso.
Saíron no segundo tempo con máis forza os gaditanos e Machís probou a fortaleza de Dani Giménez baixo os paus, paradón do gardameta vigués.
Avisaban os amarelos de que nada estaba feito, Álvaro Cervera moveu o banco e ampliou os recursos ofensivos do Cádiz. E no 78 un deses trocos lograba o empate, foi David Querol, quen lle gañaba a partida a Pablo Marí e lanzaba este potente disparo imparable para Dani Giménez. Golazo que poñía as táboas no marcador.
A pesar do mazazo o Dépor tentou ir polo partido pero Carlos Fernández volveu fallar unha ocasión clara no 87.
Repartimento de puntos en Riazor que deixa o Deportivo na mesma posición na táboa, de sexto, á espera do que faga mañá o Málaga ante o Real Oviedo.