CRTVG

Buscar

O Deportivo só consegue un punto ante o pechacancelas

Publicado o 17/02/2019 13:57

O Deportivo só foi capaz de lograr un punto ante o pechacancelas da categoría. Ata o descanso ambos equipos botaron a sesta, quizáis foi a hora ou un exceso de confianza por parte dos brancos e azuis, pero os de Natxo González apenas crearon oportunidades.

Natxo González: "Fomos demasiado pacientes, levamos o balón á dereita, demos moitos toques, ao final non profundamos, non centramos, perdemos o balón".

O segundo tempo foi outra historia. Aos 4 minutos, o Dépor poñíase por diante. David Simón asiste a Edu Expósito, o catalán recibe, dá unha magnífica reviravolta e bate a Bernabé Barragán. O 21 branco e azul lograba o seu segundo gol da temporada.

Edu Expósito: "Fago unha diagonal, David veme moi ben, vexo que o central non vén moito por min, fago o recorte e teño a opción de tiro e teño a sorte que entra".

O gol semellou ser a antesala dalgún máis, pero ao Dépor faltoulle a eficacia doutras ocasións. Algo que aproveitou o Nástic para facer o empate. Luis Suárez ve o fallo na zaga deportivista e bate a Dani Giménez. Quedaban 6 minutos para o final.

Natxo González: "Faltábanos gañar fóra, agora gañamos fóra e non na casa, isto é o xogo, e sen saber por que agora cámbianse as tornas e estamos sendo máis fiables fóra ca na casa, que seguimos sen perder, por certo".

Dos últimos catro partidos en Riazor, o Deportivo cedeu tres empates. A próxima visita será ante un rival directo, o Málaga.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/02/2019