CRTVG

Buscar

O Deportivo segue sen gañar pero suma un punto en Cádiz

Publicado o 21/09/2019 21:05


Polémicas aparte, o Deportivo mellorou a imaxe que estaba a dar nos partidos lonxe de Riazor. Non lle dá aínda para grandes cousas, pero o conxunto de Anquela non apañou goles e tivo as súas opcións ante un Cádiz que buscaba o liderado. Iso sí, o arranque do encontro tivo cor local. E Dani Giménez foi decisivo nese treito inicial para manter a portería a cero. Juan Cala tivo a mellor opción logo dun córner. Pouco a pouco o equipo coruñés logrou pecharlle os camiños ao Cádiz e atopou o xeito de chegar aos dominios dun Cifuentes que tivo que intervir logo dun disparo de Borja Galán. Así chegouse á primeira acción discutible no minuto 32. Comprensible que Arcediano Monescillo, pendente da acción que acabou co disparo alto de Gaku, non vira o agarrón de Juan Cala a Cristian Santos. Pero non se pode xustificar a Díaz de Mera, o árbitro do VAR, que con tódalas tomas á súa disposición, non avisou ao seu compañeiro. Penalti ao limbo. O segundo tempo tivo unha estructura moi semellante ao primeiro. Inicio dominador do Cádiz, e algunha ocasión clara, como ésta de Iza. O Deportivo logrou sacudirse o dominio e volveu saírlle cruz na ruleta de VAR. Esta vez sí que estivo atento Díaz de Mera para avisar dunha man de Marcos Mauro. Dentro ou fóra da área? Decidiron que fóra. O Cádiz, coñecedor do perigo de Aketxe, meteu defensas baixo os paus, na área pequena e nunha nutrida barreira. Difícil para o especialista dun Deportivo que tería a ocasión máis clara na recta final. Jovanovic, que acababa de entrar, non foi quen de aproveitar un excelente pase de Álex Bergantiños. Así, e tras o arreón final dos locais sen consecuencias, terminaba sen goles o partido. Seis puntos ten o equipo coruñés e seis son as xornadas consecutivas que leva sen gañar.

Noticias web

21/09/2019