CRTVG

Buscar

O Deportivo remata con dez e salva un punto en Riazor diante do Málaga (1-1)

Publicado o 08/10/2018 09:49

Imos co Deportivo. O gran partido da segunda era o de Riazor e acabou en empate a un gol, un resultado que seguro que non lle desagrada a Natxo González. Sobre todo porque o Málaga se adiantou no minuto 53 e o Deportivo acabou xogando con dez pola rigorosa expulsión de Quique González.

O partidazo da xornada comezou trepidante. Natxo González mantivo a confianza en Saúl e apostou por Álex Bergantiños e Krohn Dehli no centro do campo. No minuto 3 tívoa Quique González tras unha gran xogada de David Simón pola banda dereita. Botouna fóra con todo ao seu favor para inaugurar o marcador. E no dez, nunha contra, nun dous para dous, Carles Gil optou por disparar dende a frontal e o seu tiro marchou a rentes do pau.

A partir de aí, o partido freou un chisco. O Deportivo tiña o balón pero non creaba perigo, e ao pouco de comezar o segundo tempo, no 53, marcou o Málaga nunha xogada embarullada. Primeiro rematou Adrián adiantándose a David Simón, chapou Dani Giménez pero o rexeitamento caeulle a N'Diaye e coouse na porta deportivista despois de petar en Pablo Marí e despistar o porteiro. Os xogadores do Deportivo pediron fóra de xogo. Os coruñeses matáronse polo empate, Natxo González meteu a Christian Santos por Carles Gil para xogar con tres dianteiros. O partido converteuse entón nun ir e vir de área a área.

E aí atopou Carlos Fernández o empate no minuto 75 ao meter a perna nun centro de Álex Bergantiños dentro da área. Primeiro gol do dianteiro cedido polo Sevilla esta temporada. Dous minutos despois, o Deportivo quedou con dez. Quique González recibiu o vermello directo por impactar en Luis ao intentar unha chilena. O colexiado Díaz de Mera Escudero considerou xogo perigoso. Harper tivo o triunfo pero Dani Giménez tapoulle ben o oco. E co empate rematou o partido, primeiros puntos que marchan de Riazor esta temporada e sensación de inxustiza no deportivismo.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/10/2018