O Deportivo presenta os peores números dos últimos 40 anos
Unha vitoria en dezaseis xornadas. O dato aforra comentarios. É o Deportivo máis inoperante dos últimos corenta anos. Imponse o caos. Xorden diferenzas no vestiario. Aparecen pintadas contra os que rexen o club e mesmo na casa do director deportivo, centro da maioría das críticas. Desproporcionadas, opina Bóveda: "Facerlle unha especie de escrache a unha persoa porque non lle saen as cousas... podería ser por irresponsabilidade, podería ser por mala fe, pero non porque non lle saen".
A afección, farta, esixe dimisións e convoca unha manifestación. Iso será o venres. Pero o sábado, hai outra batalla. Bóveda lémbralle que a precisan para sair do pozo.
"Se matan os xogadores están a matar o seu club. En última instancia nós somos os que saímos ao campo e non queren matar, por falar de forma que non me gusta moito en termos bélicos, aos seus soldados", sinala o defensa vasco.
E no medio, un adestrador que non dá coa tecla. Seis partidos, cero triunfos. Un Luis César que anuncia unha revolución de nomes e sistemas nunha busca desesperada da chave mestra antes de que este tren ao abismo o leve por diante tamén a el.