CRTVG

Buscar

O Deportivo perde en Mallorca e amosa unha das peores versións da temporada

Publicado o 13/01/2019 14:02

Costa abaixo e sen rumbo, o Deportivo amosou en Mallorca a súa peor cara e suma a terceira derrota da temporada, segunda consecutiva a domicilio. O partido comezou con malas novas, Carlos Fernández caía do once por unha lesión de última hora.

Ao Deportivo faltaronlle ideas durante todo o encontro para chegar á portería de Manolo Reina, as ocasións eran tímidas, como esta cacholada de Bóveda despois dun saque de esquina.
O Mallorca tentouno tamén dende o curruncho, pero Raíllo non chegou por pouco.

Os brancos e azuis tiñan a posesión do balón, pero non conseguían crear perigo. Antes do descanso, Pablo Marí intentaba sorprender dende fóra da área pero o esférico marchaba por riba da portería mallorquina.

Na continuación, os locais saíron polo partido e o pau salvou os brancos e azuis, logo deste disparo cruzado de Sastre que toca Pablo Marí e desvía ao poste. Avisaba o Mallorca.
No saque de esquina posterior non era o pau, era a man de Dani Giménez quen volvía salvar o Dépor.

As ocasións dos coruñeses chegaban a balón parado, Domingos Duarte libre de marca tentouno con esta cabezada dentro da área.

Perdoou o portugués, e a case dez minutos para o final, Lago Junior atopa o balón no mediocampo e nunha espectacular carreira intérnase na área para facer este golazo imposible para Dani Giménez.

Mazazo para o Dépor, que tentou o empate no desconto á desesperada. Os coruñeses, malia estaren a tres puntos do ascenso directo, afrontan o inicio da segunda volta co peor momento de resultados da temporada.

Noticias web

13/01/2019