CRTVG

Buscar

O Deportivo non levanta cabeza e empata en Riazor

Publicado o 23/03/2019 16:01

Poucas luces e moitas sombras en Riazor na noite na que o estadio estreaba alumeado.
A preocupación aumenta nas bancadas brancoazuis, que ven un equipo totalmente descoñecido. Aos dous minutos o Almería xa estrelara este balón no pau, un susto que non presaxiaba nada bo. A primeira dos brancoazuis chegaba no minuto 22, foi logo deste lanzamento desde o currruncho, que chega a rematar coa testa Pablo Marí, o esférico marcha por riba da portería defendida por René. Antes de chegar ao descanso o ex-deportivista Juan Carlos asinou unha gran xogada desde medio campo que rematou nun tiro desde fóra da área que salvou Dani Giménez, no rexeitamento estivo a piques de chegar o primeiro para o Almería pero a xogada foi invalidada polo control co brazo de Corpas.
Tras a continuación, Pedro Sánchez tivo a oportunidade de romper as táboas no marcador, pero René salvou a ocasión. Atinado tamén estivo Dani Giménez, o porteiro deportivista volveu lucirse con este paradón tras unha contra do Almería gañando o un contra un ante Corpas. Era o minuto 60, Riazor tremía. O dianteiro andaluz foi protagonista de novo minutos despois pero falloulle a puntería. Natxo González deu entrada no 78 a Quique e a Vítor Silva pero os cambios non resultaron, os coruñeses tentaron á desesperada conseguir nos minutos finais os tres puntos pero con máis ansia ca ideas. Domingos Duarte tivo a última no desconto.
O Deportivo volve deixar escapar dous novos puntos de Riazor, e encandea así cinco partidos consecutivos sen gañar na súa casa. As miradas xa apuntan cara ao banco.

 

Noticias web

23/03/2019