CRTVG

Buscar

O Dépor sae goleado do Camp Nou malia unha actuación estelar de Rubén (4-0)

Publicado o 18/12/2017 15:46

Carbón por adiantado para o fútbol galego unha semana antes do descanso para os profesionais. O Deportivo foi goleado polo Barcelona. Catro-cero. Só quedou algo claro. Que o Deportivo non necesita outro porteiro.

O Deportivo saíu valente e ordenado no Camp Nou e a súa aposta aguantou 25 minutos, o que tardou Messi en encontrar o seu sitio no partido. A súa ebulición deixou 20 minutos brillantes do Barcelona nos que esnaquizou a proposta dos galegos. Aos 29 minutos, un balón de Iniesta para Messi convertíao Luís Suárez no un a cero. Non había fóra de xogo. E apenas 10 minutos despois os locais lograban o segundo tras un lanzamento de Messi que petou na madeira e aproveitou Paulinho. Á volta dos vestiarios, o Deportivo quixo, pero o Barça non lle deu opción. Nada máis arrancar trenzou unha preciosa xogada que acabou con centro de Sergi Roberto para Luís Suárez. 3-0 no Camp Nou, encontro resolto e por diante toda unha segunda parte que lle serviu aos culés para fallar un penalti. Penalti de Valverde a Suárez e paradón de Rubén a Messi. E para conseguir o cuarto gol, tras outra bonita combinación con tiro ao pau de Jordi Alba e o oportunismo de Paulinho. 26 tiros ao pau leva o Barça en 16 partidos de Liga.

Os de Valverde seguen firmes -con 6 puntos de marxe- á fronte do liderado. O Real Madrid agárdaos a próxima semana. O Deportivo queda a tres do descenso na véspera de recibir o Celta o próximo sábado en Riazor.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

18/12/2017