CRTVG

Buscar

O Deportivo non dá sinais de vida

Publicado o 09/12/2019 16:29

Non lle poden ir peor as cousas ao Deportivo. Un pesadelo para os catorce mil que acudiron a Riazor. Dezaoito partidos sen gañar. Nunca na historia branca e azul.

E a xente mira o palco e no palco ninguén ofrece nin explicacións nin solucións. Este consello apostou por Luis César, que non era da idea de Carmelo del Pozo. Del Pozo segue sen aparecer en público, estamos a nove de decembro e o Deportivo, á falta de vinte e tres partidos para o final, está a tres encontros da salvacion. Como mínimo. Un equipo coa alma rota.

Dezaoito de agosto. En pleno estío chegou a única vitoria que coñece o deportivismo. Dende entón, Riazor asiste a un proceso de caída libre. Un afundimento acelerado de difícil explicación. O Zaragoza foi un máis dos rivais que axigantan ao pisar Riazor e amedrentan un temeroso Deportivo. Un tiro ao pau e dous goles en media hora, e a outra cousa. Guitián e Puado remexen desde a altura na fenda defensiva deportivista. Obviamente, fan sangue. O Deportivo acusa o golpe como boxeador sonado.

Os brancos e azuis revólvense contra o seu sino da man de Borja Valle e da Beto da Silva. Unha esquisitez co calcaño do peruano á altura doutras épocas habilita ao do Bierzo para dar algunha esperanza á bancada. Pero este Deportivo sempre concede opcións. Desta volta, un penalti de Lampropoulos que executa mal Suárez e detén Dani Giménez. Espellismo. Nin así toma alento o moribundo. Unha nova acometida de Luis Súarez volve poñer en evidencia á retagarda coruñesa para asinar a sentenza. O enésimo fracaso. O noveno na lista dun Luis César que xa se sitúa no centro da diana.

O equipo non dá sinais de vida e a salvación vaise xa a oito puntos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/12/2019