CRTVG

Buscar

O Deportivo Liceo quere unha ocupación para a Copa do Rei do 50 % do pavillón de Riazor

Publicado o 10/07/2020 20:09

As datas da Copa do Rei de hóckey aínda non están oficialmente pechadas, pero a opción coa que se traballa desde o Deportivo Liceo é a do 17 ao 20 de setembro. A ocupación do Palacio dos Deportes de Riazor que se vai poñer a disposición dos afeccionados é, nestes momentos, unha das grandes incógnitas. 

"Se podemos conseguir que haxa polo menos un 50% de ocupación no pavillón, fariámolo con grande éxito e ademais coa ilusión de poder conseguir un título para A Coruña", asegura José Luis Huelves, director deportivo do Liceo.

Durante tres días, A Coruña organizará a Copa do Rei e a Copa da Raíña, coa participación de 16 equipos. A organización decidiu suspender a chamada minicopa, reservada ás categorías inferiores. 

"A minicopa non se faría, porque habería que desprazar moita xente. Ter a Copa do Rei e a Copa da Raíña sería importante para nós. Oxalá que a poidamos facer porque temos a ilusión e a infraestrutura preparada da anterior copa que se ía xogar", di Huelves.

A principios de agosto o Deportivo Liceo estará adestrándose a pleno rendemento con vistas á Copa do Rei de setembro.

Noticias web

10/07/2020