O Deportivo inscríbese en Segunda e Segunda B simultaneamente
Publicado o 17/08/2020 21:57

O Deportivo inscribiuse de maneira simultánea en Segunda e Segunda división B este luns, último día do prazo que dera a Federación Española de Fútbol (RFEF) para facelo. Fontes do club coruñés confirmaron que procederon a apuntar o equipo ás dúas categorías á espera do que se determine nas diferentes instancias deportivas sobre a súa continuidade ou non en Segunda División.
O Deportivo considera, e así o mantivo desde o partido suspendido co Fuenlabrada o 20 de xullo, que é equipo da 'categoría de prata' a pesar de non sumar os puntos suficientes para quedar en Segunda División. O club galego esgrime que non puido disputar en igualdade de condicións a última xornada de LaLiga SmartBank, prevista en horario unificado.