CRTVG

Buscar

O Deportivo gaña fóra o que perde na casa

Publicado o 06/05/2019 19:19

Se Deportivo xogase só fóra de Riazor, arestora estaría en ascenso directo. É os segundo equipo máis solvente da categoría a domicilio, onde acadou 29 puntos, un menos ca o Granada. Esta fortaleza é particularmente evidente na segunda volta, en que gañou catro partidos e só sufriu unha derrota en sete visitas.

A súa cruz é Riazor, onde sufriu unha inexplicable metamorfose. Intratable na primeira volta, con sete triunfos e tres empates, sen derrotas; e extremadamente feble na segunda, cunha única vitoria en oito encontros. Tras a dobre vitoria destas dúas semanas, o equipo agarda ter por fin azos para endereitar o rumbo na casa.

"Agardemos que estes 6 puntos nos dean ese empurrón para o vindeiro día contra o Cádiz na casa volver gañar e que a xente teña esa confianza de cada vez atreverse a facer máis cousas e que a xente volva ter medo ao Depor, hai que ter ese respecto que nos tiñan ao principio de temporada", subliña Dani Giménez.

O momento é especialmente acaído porque o Cádiz pelexa cóbado con cóbado cos brancos e azuis por unha praza na promoción.

Noticias web

06/05/2019