CRTVG

Buscar

O Deportivo gáñalle ao Málaga e vai con dous goles de vantaxe á Rosaleda (4-2)

Publicado o 13/06/2019 09:44

4 a 2 foi o resultado final. Un bo marcador pero non definitivo. Digamos que o Deportivo gañou a primeira batalla pero restan 90 minutos na Rosaleda.

Iso si, o reforzo psicolóxico no Deportivo non ofrece dúbidas. Este equipo ergueuse. Pouco ou nada ten que ver coa pantasma que deambula polo campo hai un mes. Está claro que este ano o Deportivo está superando todas as adversidades. Onte o Málaga adiantouse ata en dúas veces no marcador pero o Deportivo encoraxouse e na segunda metade marcou tres goles en apenas 20 minutos. Vibrou Riazor. Queda gañar esta primeira guerra na batalla do sábado en Málaga.

O Deportivo colle impulso ao lombo da onda 'Pororoca' do ascenso e logo dun partido de alternativas en que os galegos tiveron que sobrepoñerse a ir por baixo no marcador. O Málaga marcou non chegados os vinte minutos, xoga na banda Ontiveros con recurte para dentro e centro á área pequena onde Luis Hernández, case sen levantar do chan pero ben dado en buscar o coiro adiantase a todos e bate a Dani Giménez picando abaixo.

O Dépor non deu pé ás dúbidas e dous minutos despois de encaixar gol unha revirada a cegas de Ricca dentro da área malagueña tomba a David Simón, que chegaba a pisar o quinterio con decisión. Execución top de Carlos Fernández dende o punto fatídico e volta a comezar con iguala no marcador. Os coruñeses tiráronse ao pescozo do rival aproveitando a inercia da rápida igualada e do penalti. Centro de David Simón apegado á liña de banda e remate de Pedro Sánchez chegando con potencia ao segundo pau pero mandando o redondo demasiado esgueirado á madeira contraria.

O Málaga non se asusta e dá outro golpe certeiro ao queixo deportivista con este golazo de Ontiveros pasada a media hora. No bico da área, e con espazo, conecta unha patada dirixida ao balón que enchufa pola escadra esquerda de Dani Giménez. Un a dous, descanso e reacción inmediata do Deportivo nada máis volver dos vestiarios. Movemento de tiraliñas do equipo de Martí con xogadores a correr os espazois e Cartabia centrando raso ao punto de penalti. Ao acoplamento co coiro chega Pedro para bater a Munir co lanzamento a porta e devoler o partido ao empate. Xogábase a tumba aberta e Ontiveros manda un balón ao pau, que tremelica no impacto coma tremelicaron os afeccionados nun Riazor que víu de seguido como os seus tomaban o mando e lle daban a volta ao partido.

Cartabia aproveita para o terceiro branco e azul un balón que andaba ás minchas pola área e levanta con xeito para o remate na mesma liña de gol de Carlos Fernández. Era o dous a tres e os coruñeses non estaban dispostos a deixar marchar ao Málaga cunha ferida menor. Dez minutos despois do terceiro Borja Valle marca o cuarto. Caído á esquerda tira a porta con convicción e co balón a rasear e a envelenarse, Munir non mide entre el e o pau e a pelota colle o camiño da rede. O copo, o trasmallo, a peza de poescar na que semella que onte o Deportivo meteu onte este primeiro asalto polo ascenso.     

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/06/2019