CRTVG

Buscar

O Deportivo-Fuenlabrada abre unha fenda institucional con final incerto

Publicado o 23/07/2020 15:43

Durou exactamente tres meses e dous días. O Pacto de Viana entre Liga, Federación e Goberno para que puidera pacificamente volver o fútbol ao amainar a pandemia esnaquizou en 72 horas.

O Goberno, a través do Consello Superior de Deportes acusou onte o Fuenlabrada e a Liga de fútbol de coñecer o primeiro positivo o pasado sábado e non informaren a xeito a autoridade sanitaria como ditamina o protocolo do Ministerio. Achácalle ao Fuenlabrada a decisión de viaxar á Coruña e repróchalle a súa irresponsabilidade.

O Fuenlabrada pasa a bóla á Liga, e a resposta da patronal do fútbol ao Goberno foi un contra comunicado en que se pon de perfil. Renega da obriga de anunciar os resultados das probas, alegando que corresponde aos laboratorios. Confire ás comunidades autónomas a competencia para declarar cando hai ou non un brote infecicoso e fai parte o CSD da decisión de suspender só o partido de Riazor.

No medio da lea medran as sospeitas de falta de neutralidade de Javier Tebas.

A presión leva a Liga a mandar unha carta aos clubs en que anuncia que Tebas se absterá na toma de decisións sobre o Fuenlabrada, onde traballa o seu fillo. O presidente deixa unha enigmática mensaxe nas súas redes sociais dando a entender un ataque directo á súa persoa e, horas máis tarde, o diario.es informa dun contrato de 130.000 euros por asesoramento do propio Javier Tebas, pai, ao Fuenlabrada en 2018, cando xa levaba cinco anos sendo presidente dos clubs profesionais.

No medio do balbordo polas responsabilidades na crise sanitaria, o Deportivo segue na defensa dos seus intereses e alimenta a terceira vía para desactivar o conflito: a ampliación da liga.

Noticias web

23/07/2020