CRTVG

Buscar

O Deportivo estraga o ascenso en Mallorca (3-0)

Publicado o 24/06/2019 07:57

O Deportivo saíu con Borja Valle, Pedro e Quique, pero deixou máis fume que lume. Moi pechado, preocupado por defender. Atopouse amais coa incompresión arbitral que deixou sen sinalar un penalti a Valle ao pouco de principiar. Ao Mallorca tampouco lle sobrou fútbol, pero ofreceu empuxe. E encontrou premio na mellor xogada da primeira parte. O gol de Budimir. As dúbidas de Domingos Duarte axudaron, afrouxou na marca.

A segunda parte comezou co mesmo guión. Co Mallorca apertando e o Deportivo pechado e á procura dalgunha acción aillada con Quique. O Mallorca penalizou a falta de ambión galega. E nun balón parado Salva Sevilla marcou o segundo. Quedaban 28 minutos. 28 minutos nos que o Deportivo buscou arranxar a desfeita e o partido entrou nun ida e volta. Quique topaba con Reina.

E a seguir un erro na saída de Edu Expósito daba coa recuperación local e con cacheirolo espectacular de Abdón Prats. 3-0. O Deportivo mantivo a fe, sabedor de que un gol lle daba o ascenso. E foi na compensación, no último pulo, cando sobre o ceo de Mallorca vou un balón que puido cambiar o todo. Marí saltou só, meteulle a cabeza e mandouno fóra. Aí estivo. E así marchou. Festa rachada en Mallorca. O Deportivo volverá xogar a temporada que vén na segunda división.





 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

24/06/2019