CRTVG

Buscar

O Deportivo cae en Riazor e suma a súa terceira derrota consecutiva

Publicado o 21/04/2019 21:33

Novo tropezo para o Deportivo, que encadea a súa terceira derrota consecutiva e que cae en picado afastándose dos postos de promoción.

O Estremadura de Manuel Mosquera saíu ben plantado ao campo, pola contra o Dépor mantívose ausente, sen alma, e sen chegada á portería defendida por Casto. Avisaban ao cuarto de hora os estremeños con este tiro de falta que sacaba coa man Dani Giménez, e minutos despois, no 22 chegaba o primeiro gol do Estremadura. Ángel Bastos pon o balón na área para a chegada como un foguete de Roberto Olabe que fusila o gardameta branco e azul. Riazor enmudecía. O Dépor só asustou a Casto na primeira parte nesta xogada entre Expósito e Borja Valle na que o berciano non atina.

Co inicio do segundo tempo Martí cambiou o esquema e sacou a Christian Santos para recuperar os dous dianteiros e o empate estivo cerca. Tívoa Quique logo do pase de Borja Valle, pero o valisoletano non estivo atinado esta tarde. Minutos despois era Didier Moreno o que a mandaba ao pau.

Habían cambiar as cousas se o empate se producise no inicio da segunda parte, pero a sorte tampouco estivo da banda do Deportivo, máis ben a mala sorte. A que tivo Dani Giménez no segundo gol do Estremadura. Tras unha falta directa botada polos estremeños preto da área, Pardo dispara raso e moi lonxe o esférico que se coa entre as pernas do gardameta deportivista. Golpe para o porteiro, que nunca falla, pero que coma todos tamén comete erros.

O Dépor tirou de corazón e conseguiu o gol, Christian Santos empurrou un balón rexeitado por Casto despois dun disparo de Mosquera. Era o 88 e non houbo tempo para máis. Cara e cruz, o Estremadura sae dos postos de descenso mentres que o Depor se arreda cada vez máis do seu obxectivo.

Noticias web

21/04/2019