CRTVG

Buscar

O Deportivo e o Lugo teñen once partidos por diante e un reto común: o de salvar a categoría

Publicado o 07/06/2020 14:49

Animados e fortalecidos. Deste xeito afrontan o Deportivo mais o Lugo a súa volta á competición. Ambos están en postos de descenso e por diante teñen once partidos para salvar a categoría. Os coruñeses, decimonovenos na clasificación, xogarán seis encontros en Riazor, en principio a porta pechada. Un serio contratempo para un equipo que nos seis últimos choques no seu campo logrou catorce de dezaoito puntos. Fóra disputará cinco encontros ante rivais contra os que sacou sete puntos na primeira volta.

O Lugo, vixésimo na táboa, ten cinco partidos na casa e seis fóra. Deses cinco encontros no Anxo Carro, dous deles van ser ante rivais que loitan polo ascenso, coma o Zaragoza e o Xirona. De aí que Curro Torres cualifique como decisivo o partido da vindeira semana ante o pechacancelas Rácing de Santander.

Obxectivo: permanencia. Título de película en que se agarda un final feliz.

Noticias web

07/06/2020