O Deportivo di que as afirmacións de Miguel Otero non teñen rigor e convídao a deixar o consello
• Fernando Vidal pide perdón polo erro cometido , di que está decepcionado e traizoado
O Deportivo censurou o seu conselleiro Miguel Otero por cuestionar a necesidade de vender o club e defendeu o "rescate" da entidade financeira Abanca, que, unha vez se aproben as ampliacións de capital previstas, pasará de máximo acredor a dono do club.
Nun extenso comunicado asinado polo presidente do club, Fernando Vidal, e todos os conselleiros salvo Otero, responde ás palabras do seu aínda compañeiro de Consello, nunha carta aberta e unha posterior entrevista exclusiva con Efe e mesmo lle suxire que dimita ou acuda á xustiza ordinaria.
Primeiro, repróchalle a Otero que a pesar de dispoñer "de medios internos establecidos para o debate, a exposición de discrepancias e a toma de decisións sobre todos os aspectos do día a día e a xestión da entidade" optase por facer públicas as súas manifestacións. Ademais, defende que o Deportivo "cumpre cos máximos estándares de transparencia avaliados por entidades independentes" e sostén que "as afirmacións realizadas" por Otero "carecen do máis mínimo rigor técnico" debido a que "non existe ningunha base para tales aseveracións e non se achega documentación algunha".