CRTVG

Buscar

O Deportivo cede outro empate en Riazor

Publicado o 05/03/2019 09:27

Anda o Deportivo a regalar de máis en Riazor, mentres os quilómetros van pasando nunha competición que non perdoa as languideces. Terceiro empate encadeado ao pé da praia coruñesa a onde non parece querer chegar o vento de popa que impulse o equipo á cabeza da clasificación. E todo malia intentalo con ganas e superar dificultades. A primeira, un penalti aos dez minutos pola acción de David Simón sobre Nono cando o xogador do Alcorcón entraba coma un foguete a porta. Esteban Burgos lanza o castigo e bate a Dani Giménez. Tocaba remar contracorrente e aí o Dépor non se engurra. Vai avisando o equipo de Natxo González con lanzamentos a portería coma este de Cartabia a saque de falta que llo esixe todo ao porteiro do Alcorcón para tapar a escuadra. Ou estoutro balón que sae pendurado cara á área pequena e no que Pablo Marí mete a cabeza para forzar a parada de Giménez. E tanto ía o cántaro á fonte que no trinta e oito de partido os coruñeses fan o empate.

Balón que chega tocado aos poucos dende a banda dereita do ataque local e pelota que lle queda botando a Quique González case na liña de gol. O dianteiro encóllese medio encrequenado e enchufa o balón á rede. Comezaba outro partido, polo resultado que non polo dominio todo el coruñés. A pelota estivo especialmente preguiceira para acubillar na porta rival neste monumento de Expósito dentro da área no que remata un festival de caneos con balón ao barrón no medio da desesperación de Riazor.

Semellaban xebrarse para o Deportivo o dominio e o gol ata que por fin, cando faltaban quince minutos para o final, cae Quique González na área tombado por Unai Elgezabal e o árbitro non dubida. Penalti e gol de Quique González que poñía o Dépor por vez primeira por diante no encontro. Situación que durou menos do previsto porque no minuto oitenta e cinco unha asistencia rápida de Jonathan Pereira chegado polo carreiro dereito é aproveitada a pé feito por Casadesús para beter por baixo a Giménez. Fin do conto, outra volta, o conto de facer todo o traballo para que os outros tiren proveito ou como dixo Stalin; 'pan comes, migas caen'.   

Noticias web

05/03/2019