CRTVG

Buscar

O Deportivo, fóra do sexteto de cabeza por primeira vez desde a sexta xornada

Publicado o 15/04/2019 20:58

Tras a derrota en Pamplona, o Deportivo abandona o sexteto de cabeza onde permaneceu desde a sexta xornada de forma ininterrompida. Só en dúas xornadas ocupou praza de ascenso directo.

Con oito partidos por diante para emendar unha decepcionante segunda volta, o Deportivo empeza a arredarse perigosamente do ascenso directo. Segundo o ex-adestrador Luis Rodríguez Vaz, "a confección do cadro de xogadores ten a culpa de todo. Temos nestes momentos xogadores que militaron noutros equipos que son rivais directos. Para eles non serven e para nós, si".

O actual Deportivo nunca chegou a convencer a Rodríguez Vaz, que fala desde a autoridade que lle dan os 14 anos que pasou no corpo técnico do club: "Si, pero non. É dicir, gañou pero non, non convence. Non convenceu nunca o equipo. E claro, isto págase. Sempre dicimos que o 30 de xuño está moi lonxe. Oito partidos quedan e mira onde estamos".

Na clasificación da segunda volta, o Deportivo aparece no duodécimo posto. De trece partidos, o equipo só gañou catro: Albacete, Spórting, Granada e o agasallo colectivo do Reus. Desde a vitoria dos Cármenes xa pasaron dous meses.

"Carmelo dixo que non quería cambiar 20 xogadores todos os anos. Como ascendamos, vai ter que cambiar os 25", comentou Vaz.

Entre os equipos clasificados entre o segundo e o sétimo posto, o Deportivo é ao que menos enfrontamentos directos lle quedan. Xogará en Riazor contra o Cádiz e o Mallorca. O resto de rivais son equipos da segunda metade da clasificación. Cinco deles están entre os últimos seis clasificados.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

15/04/2019