CRTVG

Buscar

O Deportivo acusa á Liga de administración desleal e reclámalle ao CSD a suspensión urxente de Tebas

Publicado o 21/08/2020 14:11

• O Deportivo afirma que a patronal futbolística lles adiantou aos clubs pagamentos de dereitos de televisión para garantir o seu apoio

O Deportivo acusa á Liga de administración desleal e reclámalle ao CSD a suspensión urxente de Tebas

O Deportivo pediu, a través dunha carta ao Consello Superior de Deportes (CSD), medidas urxentes contra o presidente de LaLiga, Javier Tebas, ao que acusa de incorrer, presuntamente, en administración desleal por distribuír en xullo o 15 por cento dos dereitos televisivos da tempada 2020/21 sen acabar a 2019/20.

A misiva de once páxinas, está asinada polo presidente do Deportivo, Fernando Vidal, e vai dirixida á presidenta do CSD, Irene Lozano. Nela, pídelle "a incoación urxente dun expediente disciplinario" para Tebas "por infraccións e irregularidades moi graves" e a "adopción da medida de suspensión cautelar e provisional do presidente de laLiga de maneira moi urxente" ao "considerar que a súa actuación ao longo das últimas semanas está a afectar moi gravemente" ao fútbol español.

O Deportivo entende que se está "xerando unha imaxe de industria pouco profesionalizada ao adoptar o presidente de LaLiga continuadamente decisións interesadas e arbitrarias en prexuízo" do club coruñés que "ademais están a poñer en grave perigo a integridade da competición e a saúde e seguridade no traballo" dos futbolistas e dos "afeccionados e terceiros".