CRTVG

Buscar

O Deportivo Abanca volve gañar logo de dúas derrotas consecutivas

Publicado o 01/12/2019 14:43

 O Deportivo Abanca mantén a imbatibilidade na casa tras o regreso a Abegondo. O partido apuntaba a accidentado. Mancouse a árbitra ao comezo e parouse o xogo uns minutos. Antes, Cristian Toro modificara o seu once pola lesión de Isabella.

Máis alá disto, os dous equipos dispuxeron de ocasións nunha primeira parte moi disputada. Pero foi o Deportivo quen se adiantou. Fíxoo dende os once mentros. Alba Merino transformou a pena máxima despois de ser derrubada na área.

Dende os once metros tamén ía chegar o gol do empate. Miriam comete penalti sobre Payne tras unha acción que Olga inicia dende o lateral esquerdo.

Con este resultado chegouse ao descanso. O Deportivo ía arrancar con forza na segunda metade. Tere Abelleira volveu marcar as diferenzas cun disparo espectacular dende a frontal da área. Era o 2-1.

A medida que transcorrían os minutos as coruñesas fóronse apropiando do partido. Lideradas por unha Tere Abelleira que conseguiu levantar a bancada en Abegondo, o equipo defendeuse con solvencia da presión do Sevilla, que a piques estivo de rascar un punto no tempo engadido.

O Deportivo esquece as goleadas das xornadas anteriores, alcanza os 22 puntos e mantense na parte alta da clasificación. O soño das coruñesas na Primeira División segue adiante.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

01/12/2019