CRTVG

Buscar

O Deportivo Abanca derrota o Tacón con suficiencia (3-1)

Publicado o 27/10/2019 14:41

As deportivistas seguen empatadas co Barcelona no liderado

O Deportivo feminino segue gañando e incluso o fai xa con suficiencia. Despachou o Tacón cun brillante primeiro tempo, no que marcou os seus tres goles. Aproveitou ao máximo os seus argumentos. Un deles é o balón parado e a envergadura da súa goleadora Gaby. Aos 22 minutos rematou con autoridade na área pequena. Logrou así o seu sexto gol en liga. Os seus rexistros só son superados polas barcelonistas Jenni Hermoso e Oshoala.

Non perdan o segundo gol, superada a media hora de xogo. Brillante pase de Tere Abelleira e definición de categoría de Alba Merino. Fantástico gol que rubricaba a total superioridade do Deportivo sobre o céspede de Abegondo. E xusto antes do descanso, un máis. Segunda xogada logo dun saque de esquina, centro de Athenea e remate da central María Méndez incorporada a tarefas de ataque.

Da lóxica relaxación deportivista beneficiouse o Tacón, que moito deberá mellorar de cara ao ano que vén, xa integrado na estrutura do Real Madrid. Marcou Txioma aos 20 minutos. Sen consecuencias para o desenlace do partido. Son 19 puntos de 21 posibles. O Deportivo segue o ritmo do Barcelona xusto na xornada antes de visitar a outro dos galos, o Atlético de Madrid.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

27/10/2019