CRTVG

Buscar

O deportivismo sofre no Toralín e estoupa contra todo

Publicado o 15/12/2019 20:30

No Toralín só se escoitou unha voz: a dos case 500 deportivistas desprazados ata Ponferrada.

Comezaron eufóricos, animando, convencidos de que desta si ía. Pero este Deportivo ten un problema de fútbol e outro de cabeza. Vénse abaixo á mínima. Cando Yuri fixo o primeiro no minuto 7 todo o plan de traballo da semana caeu, outro partido máis. E a proba da desfeita, no segundo gol. Yuri colleu o balón no centro do campo e percorreu 50 metros só. Aos seus 37 anos chantouse ante Dani Giménez sen que ninguén lle saíse ao paso. Aí rebentou a afección deportivista.

Paco Zas aguantaba no palco como podía. Un chisco máis arriba, Carmelo del Pozo tapaba a cara, como se non quixese ver outro desastre do cadro de xogadores que el deseñou.

E tamén o ex-presidente Tino Fernández segue presente nas queixas da afección.

E do institucional, ao deportivo, porque no céspede tamén escoitaron os berros dos seus seareiros.

"Non vou dimitir, penso que podemos xiralo".

Ao rematar o partido, os afeccionados dicíanlles aos xogadores que non se achegasen saudar, que non os querían nin ver. Eles foron igual, Álex Bergantiños, como capitán, pediulles perdón sobre o céspede do Toralín e repetiuno logo.

"É indigno deste club, non estamos sabendo competir".

E así rematou unha xornada que prometía festa e rematou coma as 19 anteriores, chorando.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

15/12/2019