CRTVG

Buscar

O Dépor non seguirá as pautas da Liga mentres Competición non decida

Publicado o 03/08/2020 16:07

A Liga pediulle ao club que os xogadores pasasen os tests PCR para enfrontarse ao Fuenlabrada, malia que aínda non hai unha data fixada

Nesta partida de xadrez na que se ten convertido o caso Fuenlabrada, a xogada do día tiña cita a primeira hora da mañá. A Liga pretendía pasar novos tests aos xogadores en Abegondo en previsión de que se puidese xogar en 48 horas. Pero por alí, ningún apareceu.

O Deportivo xa lle comunicou á Liga que non ten previsto dar ningún paso mentres o Comité de Competición non tome unha decisión sobre a última xornada do campionato, previo pronunciamento da conmisión de seguimento para a Covid-19 que compoñen a propia Liga, a Federación e o Consello Superior de Deportes.

E, aínda que tal data se fixase, o club coruñés lembra que a súa petición é de repetición da xornada ao completo. De non ser atendida, o Deportivo ten previsto plantexar un recurso ao Tribunal de Arbitraxe Deportiva e non desbota, de consideralo necesario, acudir en última instancia á xustiza ordinaria.

Mentres, á espera de novos capítulos do que xa é o culebrón do verán, a Liga segue paralizada e a promoción de ascenso pendente.

 

Noticias web

03/08/2020