CRTVG

Buscar

O denunciante da agresión homófoba de Malasaña confesa que foi falsa

Publicado o 09/09/2021 08:14

Xiro sorprendente no caso da suposta agresión homófoba de Madrid. Era falsa. O mozo que denunciou que oito encapuchados o atacaran no barrio de Malasaña desdíxose e confesa que as marcas na nádega foron nun encontro consentido. A pesar deste caso puntual de denuncia falsa, 
a comisión especial contra os delitos de odio convocada por Sánchez mantense para mañá.

A Policía non tardou en darse conta de que algo non cadraba na declaración do suposto agredido. A pesar de que o ataque fora a plena luz do día, segundo denunciara, ningunha cámara recollera o momento nin ningunha testemuña vira nada. O mozo acabou confesando que fora falso e que a marca que tiña na nádega lla realizaran nunha relación consentida. O Ministerio do Interior xa confirmou esta información e aclara que a investigación e o procedemento xudicial seguirán o seu curso. A denuncia falsa pode supoñerlle ao mozo consecuencias nos tribunais pola presunta comisión dunha simulación de delito, que pode acabar en multa ou mesmo cárcere.

Esta suposta agresión volveu abrir o debate sobre os delitos contra o colectivo LGTBI e o seu incremento nos últimos anos. E levará o propio presidente do Goberno a convocar para mañá a reunión da comisión de seguimento do plan de loita contra os delitos de odio, que se mantén a pesar do cambio de versión da suposta vítima.

En Unidas Podemos, vinculan os discursos de Vox cos ataques que sofre este colectivo; á acusación respondía nas últimas horas a formación de Santiago Abascal. No PP, Cuca Gamarra reiteraba que Vox si condenou os ataques homófobos e pedía unidade.

Máis aló do debate político, as cifras son elocuentes. Os delitos de odio contra o colectivo LGTBI incrementáronse nun 43 % no primeiro semestre de 2021. Para denunciar e condenar este incremento, celebráronse onte á tarde concentracións por toda España. En Toledo, en Salamanca, en Barcelona ou na Porta do Sol de Madrid.

Noticias web

09/09/2021