CRTVG

Buscar

O delegado do Goberno confía en que a declaración do detido sirva "para pechar ben o caso"

Publicado o 17/09/2021 10:55

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, confiou este venres en que a declaración do home de 48 anos detido en Madrid e parella da muller asasinada na madrugada de onte na Coruña sirva "para pechar ben o caso" e poder confirmar se o suceso se trata dun caso de violencia machista.

En declaracións á Televisión de Galicia, no programa Bos días, antes de participar nun acto en Santiago, Miñones felicitou a policía polo traballo realizado para dar co suposto autor e enviou unha mensaxe de solidariedade á familia da vítima.

O delegado do Goberno sinalou que actualmente se está "tomando declaración" a este home para "a partir de aí, avanzar e pechar se é o autor dos feitos".

O home, con antecedentes por violencia de xénero a outras dúas mulleres, foi detido na tarde deste xoves nun hostal do centro de Madrid onde se hospedaba, despois de que a Policía Nacional iniciara un operativo de busca. O delegado do Goberno asegurou que no seguimento que se fixo puido saberse que collera un avión a Madrid, e iso permitiu dar con el.

Tras ser detido compareceu ante os axentes do Grupo de Homicidios na Xefatura Superior de Policía de Madrid.

Polo momento, "segue a investigación aberta e non podemos confirmar que se trate do autor dos feitos", polo que, insistiu Miñones, é importante deixarlle á policía "que faga o seu traballo" para poder trasladar ao xuíz encargado do caso toda a información pertinente. 

Noticias web

17/09/2021