CRTVG

Buscar

O déficit de traballadores para o transporte por estrada non é só cousa do Reino Unido

Publicado o 01/10/2021 16:22

Manuel traballa por conta propia. Transporta lousa polo norte de España. Para el, a falta de camioneiros ten unha causa clara: "Que pagan pouco as empresas. Cóbrase pouco polos portes".

Poucos ingresos en relación cos gastos que ten un autónomo, á parte do seguro e das avarías.

"Da maneira que está hoxe o gasóleo, e amortizar o camión...", di Manuel Guede, transportista.

No caso de Iván, é asalariado. El non ten queixa porque traballa pola zona e ten menos gastos. O peor, di, son os que andan en ruta, nacional ou internacional.

"Se estás fóra da casa, xa vas gastar uns 500 ou 600 euros en comer o menú do día e dar unha ducha por aí fóra, que tamén hai que pagalas. E en nacional cobran entre 1.500 e 2.000 euros. É o que hai por aí", explica.

1 de cada 5 empresarios do sector teñen dificultades para atopar transportistas cualificados. Os requisitos de formación son esixentes e caros.

"Esixen varios carnés, o CAP, que é o que te capacita para o transporte público, coas súas taxas, os exames na Xunta...", din desde a Asociación Empresarial de Transporte de Mercadorías por Estrada de Galicia (Apetamcor).

En Galicia hai uns 30.000 condutores profesionais, entre transporte lixeiro e pesado, e cómpre, segundo os cálculos de Apetamcor, un 6 % máis, uns 2.000 choferes, para cubrir as necesidades actuais, que aínda non chegaron aos niveis de antes da pandemia, pero van en aumento.

Noticias web

01/10/2021