Forte división no Eurogrupo a conta de como a afrontar a crise do coronavirus
O Eurogrupo segue negociando esta noite un acordo sobre a resposta económica ao coronavirus que, tras máis de oito horas de encontro, aínda non se pechou por mor das diferenzas sobre o uso do fondo de rescate e a posible emisión de débeda mutualizada, os "coronabonos", para financiar a recuperación.
Os ministros de Economía e Finanzas da eurozona, aos que nesta reunión se suman os do resto da Unión Europea, iniciaron o seu encontro por videoconferencia ás 16:00 horas (14:00 GMT) e fixeron un receso ás 19:00 horas (17:00 GMT), que, máis de cinco horas despois, aínda continúa.
A reunión prolóngase durante a noite para pactar a resposta a unha crise que levará ao bloque á recesión, disparará os niveis de paro e ameaza con ampliar as diverxencias entre as economías da Unión.
O resultado, con ou sen acordo, darase a coñecer nunha conferncia de prensa ás 10:00 horas (08:00 GMT) deste mércores.
O receso serviu para que os ministros mantivesen contactos bilaterais e tentaran perfilar un borrador de acordo, pero polo momento seguen abertas as tres bases do paquete de medidas por case medio billón de euros que o Eurogrupo veu fraguando nas últimas semanas, segundo varias fontes consultadas. Son estas a activación dunha liña de crédito para a pandemia por parte do Mecanismo Europeo de Estabilidade (MEDE), o fondo de rescate; a mobilización de 200.000 millóns de euros en préstamos do Banco Europeo de Investimentos (BEI), e un fondo contra o paro da Comisión Europea dotado con 100.000 millóns en créditos para financiar esquemas de redución de xornada subvencionada.
O principal punto de fricción, con todo, é a posibilidade de emitir débeda mutualizada da Unión Europea, xa sexa co nome de "coronabonos", como demandan unha decena de países, entre eles España, Italia e Francia, para financiar a recuperación. Francia propuxo a creación dun fondo temporal, fóra do marco orzamentario da UE, con capacidade de emitir débeda apoiada con garantías dos Estados membros, que se reembolsaría despois a través de contribucións dos países ou cun "imposto de solidariedade" europeo. A idea é rexeitada de plano por Alemaña, Holanda, Austria ou Finlandia, que se opoñen a unha ferramenta que implicaría que o conxunto da UE asuma o risco de falta de pagamento da débeda de calquera dos seus membros.
A vicepresidenta terceira do Goberno español, Nadia Calviño, defendeu antes da reunión que non poden adoptarse só medidas de liquidez a curto prazo senón que a UE debe empezar a traballar xa "nun mecanismo que permita a posta en común da débeda" para financiar os investimentos necesarios para a recuperación. España, dixo, defenderá que as conclusións do Eurogrupo reflictan "un claro compromiso" de trasladar aos xefes de Estado e de Goberno que hai que traballar "desde xa" neste mecanismo.
Non se prevé que da reunión saia un acordo sobre o plan de recuperación, pero a clave está en que contribución se faga para o próximo cumio de líderes.
O segundo escollo principal é a condicionalidade asociada á liña de crédito para a pandemia que poñería en marcha o MEDE, que podería prestar ata 240.000 millóns de euros aos países que o soliciten, uns 28.000 millóns no caso de España, segundo as cifras difundidas por Alemaña.
Holanda encabeza a oposición para suavizar as condicións de acceso aos créditos do MEDE, a pesar de que o consenso xeral é que deben ser máis lixeiras que nos rescates xestionados pola crise financeira, nos cales se esixiu aos beneficiarios adoptar medidas de austeridade ou aplicar reformas estruturais.
España rexeita que se apliquen condicións específicas caso por caso para os países que soliciten liquidez pola pandemia e defende, en liña coa postura da Comisión Europea, que se limiten a usar os fondos para a resposta ao coronavirus e a cumprir as normas de disciplina fiscal comunitaria. Italia, con todo, é máis remisa ao MEDE, un instrumento que no país se asocia ao estigma dos rescates e o Goberno considera "inadecuado", e aposta con máis afán polos "coronabonos".