CRTVG

Buscar

O debate de investidura de Juanma Moreno celebrarase o vindeiro 15 de xaneiro

Publicado o 11/01/2019 08:40

A sesión de investidura de Juanma Moreno celébrase o próximo martes e mércores. A presidenta do Parlamento de Andalucía propúxoo como candidato tras constatar que conta cos apoios suficientes para ser investido presidente. O PP fala dun cambio histórico e tranquilo. Os socialistas, con Susana Díaz como voceira, liderarán a oposición.

A sesión de investidura de Juanma Moreno celebrarase o próximo martes e mércores. O candidato do PP obterá a confianza do Parlamento na primeira votación. Os votos do seu partido, de Ciudadanos e de Vox suman a maioría absoluta necesaria. O PP fala dun cambio histórico e tranquilo, e defende a negociación para logralo.

Carmen Crespo, voceira parlamentaria do PP-A: "Un cambio que vai ser tranquilo, que vai ser esperanzador pero que se vai notar. Despois dun acordo que foi transparente. Que cuestións dese pacto non asinariamos ningún de nós, ningún dos andaluces?".

Juan Marín será o vicepresidente do futuro Executivo, e Ciudadanos terá cinco das once consellerías, en que non prevé a de Familia, que esixe Vox.

Juan Marín, líder de Ciudadanos en Andalucía: "É Ciudadanos quen lle propón o Partido Popular unha Consellería de Política Social, Igualdade, Conciliación e Familia. Ciudadanos non ten nada que falar neste caso con Vox deste asunto".

Vox lémbralle a Ciudadanos que a súa ducia de deputados vai permitir que Juan Marín sexa vicepresidente da Junta mentres que eles van estar na oposición.

Francisco Serrano, voceiro de Vox en Andalucía:  "Imos estar na oposición para esixir que se cumpran con eficacia e contundencia. Se é así terannos ao pé para sacar adiante estas medidas do cambio e, se non, faremos unha oposición leal e lexítima".

O PSOE, o partido con maior representación, renunciou a presentar a candidatura de Susana Díaz unha vez constatado que Juanma Moreno ten os apoios necesario grazas a un pacto que os socialistas auguran inestable.

Mario Jiménez, voceiro parlamentario do PSOE-A: "Se finalmente prospera a investidura do señor Moreno Bonilla, evidentemente, a nós tocaríanos exercer o liderado da oposición e ese liderado vaino exercer Susana Díaz".

Adelante Andalucía reclama para si o liderado da oposición. Argumentan que xa o fixeron na anterior lexislatura e van seguir nesta porque son a única formación coherente. Anuncian, ademais, que traballarán no Parlamento e tamén na rúa.

Antonio Maíllo, voceiro parlamentario de Adelante Andalucía: "Adelante Andalucía vai despregar o esforzo intenso e traballado dos seus 17 deputados multiplicando a súa acción de control, fiscalización e alternativa de goberno enlazada coas mobilizacións sociais".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/01/2019