CRTVG

Buscar

O debate a sete da CRTVG evidencia as diferenzas entre candidatos

Publicado o 30/06/2020 08:20

O único debate electoral para os comicios do 12 de xullo, por momentos difícil de seguir debido ao solapamento dos sete candidatos presentes no estudio da TVG, finalizou tras dúas horas e media de discusión arredor de catro eixes temáticos: a crise do coronavirus, a situación económica e industrial, as políticas sociais e as fórmulas de gobernabilidade.   

No debate puido verse un Alberto Núñez Feijóo, candidato á reelección como xefe do Executivo galego, en ton presidencialista tentando trasladar ao electorado que só existen dúas alternativas o 12 de xullo: a "estabilidade" dun goberno de maioría absoluta do PP ou unha coalición de "dez partidos". 

Na súa estratexia de presentarse como o único garante "dun goberno unido" preguntou en varias ocasións aos potenciais socios dunha coalición de esquerdas se tiñan un programa de goberno conxunto e advertiu que os apoios a Ciudadanos "son votos perdidos". "Seguimos coa man tendida", dixéralle previamente ao PP a candidata do partido laranxa.   

Pola súa banda, o candidato do PSdeG, Gonzalo Caballero, mostrouse bastante activo, con constantes anotacións durante as intervencións dos seus adversarios e fixo fincapé na mensaxe central que quería facer calar: "Non é o mesmo que goberne a esquerda que a dereita". Pero foi a Feijóo a quen máis veces se dirixiu no seu intento por presentarse como alternativa presidencial.

Confrontar directamente con Feijóo foi tamén a estratexia prioritaria da candidata do BNG, Ana Pontón, quen botou man en múltiples ocasións da fórmula: "Se son presidenta". Pero tamén chegou a reprochar ao seu potencial socio do PSdeG que non se referise a Alcoa no bloque sobre política industrial, un descoido que Caballero corrixiu na seguinte área temática.   

Pola súa banda, a cabeza de cartel de Galicia en Común, Antón Gómez-Reino, foi o único que se referiu a un programa conxunto dun hipotético goberno de coalición de esquerdas, unha luva que non recolleron nin BNG nin PSdeG. 

A candidata de Ciudadanos, Beatriz Pino, tentou presentar ao seu partido como bisagra para o PP se Feijóo non revalida a súa maioría absoluta e fíxolle o traballo de entrar no corpo a corpo contra o BNG, mostrando nun par de ocasións as papeletas coas que o BNG concorreu ás últimas europeas xunto con Bildu e ERC.   

O número uno de Vox ás eleccións autonómicas pola provincia da Coruña, Ricardo Morado Fajardo, foi o único que interveu en castelán no debate e para dirixirse a el mesmo Feijóo cambiou a este idioma. As súas intervencións foron reiteradas para denunciar a "violencia" que supostamente sofren os membros do seu partido.   

Finalmente, o representante de Marea Galeguista, Pancho Casal, aproveitou as súas intervencións para presentar algunhas das propostas da súa opción o próximo 12 de xullo e diferenciarse do "tripartito de Sánchez", en alusión a PSdeG, BNG e os seus antigos socios da coalición Galicia En Común-Anova Mareas.