CRTVG

Buscar

O Daesh reclama a autoría do ataque en Londres

Publicado o 30/11/2019 20:40

Co propósito de aclarar todos os detalles do atentado, a policía seguiu rexistrando a casa do norte de Inglaterra onde vivía o autor do ataque, identificado como Usman Khan.

O individuo, de 28 anos, condenado en 2012 por pertencer a unha célula terrorista e planificar atentados en Londres, saíra do cárcere cunha pulseira electrónica o ano pasado tras cumprir a metade da súa pena.

Para o primeiro ministro británico isto evidencia que non se pode poñer en liberdade anticipada os condenados por terrorismo e outros delitos violentos graves.

O alcalde de Londres explicou que as pescudas sinalan que Khan actuou só e que foi un ataque pouco sofisticado.

A directora da Policía Metropolitana subliñou que os axentes evitaron máis vítimas ao actuaren en menos de cinco minutos.

Usman Khan iniciou o ataque cando participaba como invitado nunha conferencia sobre rehabilitación de presos nun edificio próximo á ponte de Londres. Varios civís, entre eles ex-convictos invitados ao encontro, lograron reducilo xa na ponte, onde acabou abatido pola policía. Antes matara a coiteladas un home e unha muller e deixara tres feridos máis, un en estado crítico.

Noticias web

30/11/2019