CRTVG

Buscar

O cupón diario da ONCE cae en Vista Alegre, en Santiago de Compostela

Publicado o 13/08/2019 13:30

Carlos Bernal, vendedor da ONCE, diríxese todas as mañás aos diferentes lugares onde vende cupóns. Este luns non foi un día como outro calquera, o cupón diario da ONCE deixou nun punto de venda habitual, no barrio de Vista Alegre, La Paga de 3.000 euros ao mes durante 25 anos e 35.000 euros ao contado.

"Cando vin o número na televisión pensei que o cliente levara só as dúas últimas cifras. Hoxe chamoume a directora e foi cando me enterei de que fora o premio completo, vendido en Vista Alegre, nun bar. Levei unha alegría inmensa, xa me puxen nervioso e fun ao bar. Eles estaban tranquilos como se non pasara nada, parecía que o cupón me tocara a min e non a eles", asegura Carlos Bernal, vendedor da ONCE.

Esta non foi a única alegría. Carlos tamén vendeu outro cupón premiado con 35.000 euros. En total repartíronse 970.000 euros nun só día, e son dúas as persoas afortunadas, iso si, clientes habituais de Carlos.

"Agora veume un cliente e sabía o que pasara e falando con el díxome que a ver cando llo daba a el... É un bo cliente e espero algún día darlle o premio a el porque é un bo cliente tamén", conta Carlos.

"É unha alegría, levo pouco tempo nesto e sei que é difícil dar o premio. Hai compañeiros que levan toda a vida nesto e nunca o deron, aínda que hai outros que si que o deron tamén. Ao levar pouco tempo, ser novato, e dar o premio pois é unha alegría inmensa", relata este vendedor da ONCE.

Agora, toca celebrar esta boa nova e seguir tentando a sorte.
 

Noticias web

13/08/2019