CRTVG

Buscar

O cumio do G-7 aposta pola economía verde, máis vacinas para o Terceiro Mundo e o imposto ás multinacionais

Publicado o 12/06/2021 21:07

O premier británico Boris Johnson multiplicouse hoxe como anfitrión deste cumio. Despois dos posados nunha praia de Cornualles comezaba a hora da verdade cunha ampla axenda. Os líderes do G-7 felicitábanse de partida polo compromiso de doar mil millóns de vacinas ao Terceiro Mundo. Coincidían tamén en que hai que tomar medidas urxentes para frear o cambio climático e a partir de aí comezaban as diverxencias.

Un dos grandes obxectivos é concretar o imposto de sociedades ás grandes corporacións multinacionais. Johnson descolgouse cunha sorpresa tentando que quedaran excluídas as empresas da city de Londres. Fracaso total. Ademais, recibía unha amonestaciñón da Unión Europea por "inflamar a tensión" en Irlanda do Norte.

O presidente estadounidense, Joe Biden, pola súa parte, propón unha actitude menos contemplativa con China e Rusia. Outro referente problemático con intereses cruzados. Unha fonte diplomática sinala que algúns países europeos teñen a Putin demasiado próximo e necesitan o seu gas. Alemaña vende seis millóns de automóbiles a China e evita actitudes agresivas.

E mentres, sucédense as protestas en Londres e en praias próximas a Cornualles contra este cumio de paíes ricos. Iso si, non faltou o humor e Oxfam puxo os líderes en bañador sobre a area reclamando urxencia contra o cambio climático

Noticias web

12/06/2021