CRTVG

Buscar

O Cumio do Clima en Madrid terá como obxectivo reactivar o Acordo de París

Publicado o 02/11/2019 20:43

España traballa xa nunha relación estreita co equipo chileno para facer posible un Cumio do Clima que non estaba previsto en Madrid. A participación duns 25.000 congresistas e de 200 países implica un grande esforzo organizativo, pero o verdadeiro reto é que non se deteñan as negociacións arredor do cambio climático.

O Acordo de París sobre gases invernadoiro é agora mesmo papel mollado. Predomina un incumprimento case xeralizado e o obxectivo consiste en reactivalo. "É capital cando o presidente dos Estados Unidos acaba de anunciar que poñerá en marcha o proceso para saír do Acordo de París a partir da semana que vén. Non podemos permitirnos como comunidade internacional comprometida cun multileteralismo activo, construtivo e progresista que isto nos desmotive", sinalou este sábado a ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera.

A ministra ofreceulle axuda á moza activista Greta Thunberg para que poida cruzar o Atlántico e participar no cumio. Greta négase a viaxar en avións polas emisións de CO2.

Para o evento, o IFEMA (a Institución Feiral de Madrid) poñerá a disposición dos participantes 80.000 metros cadrados."Temos un reto moi importante, porque temos en 18 días que preparar o que normalmente se tarda en preparar 18 meses, pero co equipo profesional que ten Ifema e coa colaboración do ministerio, o concello e a comunidade seguro que o imos conseguir", explicou o presidente de Ifema, Clemente González Soler.

A partir do luns vindeiro, tanto o Goberno como a comunidade autónoma e o Concello de Madrid comezarán a coordinar os traballos para que o Cumio do Clima nunha sede imprevista inicialmente sexa un éxito.
 

Noticias web

02/11/2019