CRTVG

Buscar

A Unión Europea relanza no Porto a axenda social e mantén diverxencias coas vacinas

Publicado o 08/05/2021 19:40

No Palacio de Cristal do Porto deuse o visto e prace a unha serie de obxectivos comunitarios referidos a emprego, formación e redución da pobreza. Trátase dunha axenda social de ambición intermedia, como foi cualificada por algúns analistas. Os sindicatos pedían bastante máis.

Finalmente, hai un compromiso para que en 2030 un 78% de poboación europea en idade de traballar estea empregada (agora esa porcentaxe é do 72%) e que o 60% siga formación cada ano. Tamén se pretende para ese 2030 unha reducción de 15 millóns no número de persoas en risco de probreza e exclusión.

O presidente francés, Emmanuel Macron, o primeiro en intervir esta tarde, apuntou que Europa deu unha resposta económica e financeira á pandemia e que agora toca ser ambiciosos en cuestións sociais.

A declaración final do Porto sinala que "Europa debe ser o continente da cohesión social e da prosperidade". España fixo varias propostas, sobre todo con vistas ao futuro, como crear un marco europeo de salarios mínimos, reforzar os seguros de desemprego ou reducir a vulnerabilidade dos traballadores de plataforma dixitais.

A foto final certifica un acordo non exento de polémicas, xa que onte quedaron de manifesto as diverxencias en materia de vacinas, das súas patentes e da distribución entre os socios comunitarios.