CRTVG

Buscar

O Cumbre Vieja segue en activo e a lava bifúrcase en novas coadas

Publicado o 11/10/2021 15:27

O volcán de Cumbre Vieja leva xa tres semanas en erupción, pero non decae, latexa con forza e continúa vomitando cinsa e lava. O Cabido da Palma non permitirá hoxe o acceso por Tazacorte ás zonas evacuadas ata que se estude a evolución das coadas ao norte da montaña de Todoque.
O derrubamento do flanco norte do volcán, o sábado pasado, liberou un caudal de lava que arrastra todo ao seu paso. Alcanza os 1.240 graos centígrados e vaise estendendo en diferentes bifurcacións.

Rubén López, vulcanólogo do Instituto Xeográfico Nacional, explica: "Episodios de derrubes do cono é algo esperable e totalmente asumible. Preocúpanos cómo vai avanzando sobre todo a cara norte da montaña Todoque que aí si vai arrasando casas e vai facedo dano no pouco que quedaba xa en pé de Todoque."

A lava tamén avanza nunha importante zona industrial nos Llanos de Aridane. O Instituto Xeográfico Nacional localizou máis de 40 terremotos durante a última noite no sur da illa. Pero o organismo chama á tranquilidade á poboación, xa que os movementos sísmicos son intensos, pero teñen lugar a niveis profundos baixo terra, non preto da superficie.

As nove coadas do volcán acadan unha extensión superior as 500 hectáreas e destruíron máis de 1.000 edificacións, segundo os datos recollidos polos satélites do programa Copernicus. Máis de 6.000 persoas foron evacuadas. O Goberno de Canarias manexa xa un borrador de cálculo das axudas necesarias para a recuperación do sector primario na illa, nun momento no que aínda non se pode prever a fin da erupción.
 

Noticias web

11/10/2021