CRTVG

Buscar

Zigzag Diario

O Cuarteto Quiroga tócanos 'Terra', música clásica do século XX

Publicado o 05/02/2018 17:15

Falamos con Cibrán Serra, violinista do cuarteto, en Castrelo de Miño. Neste disco interpretan música do século XX, cuartetos de Béla Bartók, Alberto Ginastera e "tientos" de Ernesto Halfter, compositores vencellados á tradición popular.

Agora escoitámolos interpretando a Alberto Ginastera, un dos compositores incluídos no seu último disco e un exemplo doutros repertorios alén do hexemónico: a música da tradición austrohúngara. Un xeito de mostrar outras músicas, outros patrimonios musicais.

Exquisito, preciso, perfectamente equilibrado. Así definiu o cuarteto o New York Times. Residentes no Teatro Real, responsables da colección palatina de Stradivarius.

Frescura, rigor e audacia acompañan estes catro músicos que dende a súa fundación están a conseguir premios e recoñecementos pola súa traxectoria e tamén por unhas gravacións que queren ser algo máis ca un disco.

Galicia e a súa música están presentes no cuarteto dende o seu nome, que é unha homenaxe ao gran violinista galego do século XX Manuel Quiroga.

Neste último disco ofrecen dous "bonus": unha peza popular de Schubert e esta panxoliña do arquivo de José Pacheco, da catedral de Mondoñedo.

Implicados na docencia e comprometidos cunha música do seculo XX, agora volven á 'Terra' para mostrarnos a forza e permanencia da música.

Zigzag Diario

05/02/2018