O CSIC prepara unha vacina fronte ao coronavirus que aspira a ser 100% eficaz
No Centro Nacional de Biotecnoloxía desenvolven unha das 12 vacinas españolas contra a covid-19. Un proxecto único que utiliza o propio virus modificado xeneticamente.
Sonia Zúñiga, investigadora do laboratorio de coronavirus do Centro Nacional de Biotecnoloxía–CSIC, explica que "o que facemos é quitar os elementos que son responsables de que o virus derive nunha enfermidade severa, e tamén todos os elementos que o virus necesita para diseminarse".
Algo que permitirá, din, que a inmunidade e a eficacia sexan máis completas fronte ás doutras vacinas.
"Todas as vacinas van ser seguras", engade Zúñiga, "co tempo haberá varias vacinas e a eficacia irá en aumento".
Un dos proxectos máis avanzados na actualidade é o que desenvolve a Universidade de Oxford coa farmacéutica AstraZeneca, que xa se está probando en máis de 50.000 persoas de todo o mundo. Os primeiros resultados indican que produce inmunidade en persoas maiores.
Carlos Estévez-Fraga, neurólogo no University College London e subinvestigador no ensaio da vacina de Oxford di que "non so se quere ver seguridade, tamén que a resposta inmunitaria é persistente e especialmente queremos coñecer a eficacia, se conseguimos que a vacina protexa fronte á enfermidade".
Os resultados definitivos poderían non chegar antes do vindeiro verán. Pero a Unión Europea fixo xa unha compra anticipada de máis de 300 millóns de doses da vacina de Oxford, dos que España recibirá máis de 31 millóns de viais.