Investigan unha vinganza como posible móbil do crime de Oza-Cesuras
• A muller, de 33 anos, faleceu tras recibir un disparo na caluga
Xiro no crime de Oza-Cesuras. Investigan como móbil unha posible vinganza. O agresor, que segue internado no hospital, acababa de saír do cárcere, xustamente por unha denuncia por agresión do marido da vítima.
Ela tiña 33 anos. Deixa un meniño de dous. Todo apunta a que o asaltante esperou a que quedase soa na casa para atacala. Matouna dun tiro na caluga.
O home, que foi detido por axentes da Garda Civil imputado por homicidio, declarará este luns ante o xuíz, pero non será trasladado a dependencias xudiciais debido a que permanece ingresado no hospital, engaden fontes da Benemérita.
Un cento de persoas rende homenaxe á muller asasinada
Un cento de persoas renderib este luns unha emotiva homenaxe en Oza-Cesuras (A Coruña) á muller de 33 anos asasinada o pasado venres no seu domicilio da parroquia de Porzomillos.
Ante a casa do concello, cuxas bandeiras ondean a medio mastro, membros da corporación municipal e veciños, visiblemente emocionados, quixeron achegarse a mostrar o seu apoio á familia, respectando as medidas de seguridade.
No acto, que contou cunha gran expectación mediática, os asistentes gardaron cinco minutos de silencio en memoria da muller, nai dun neno de dous anos, que culminaron cun longo aplauso.
Despois, o alcalde de Oza-Cesuras, Pablo González, indicou, en declaracións á prensa, que Cristina "foi asasinada dun tiro na caluga", aínda que a Garda Civil non revelou máis detalles da investigación nin o móbil do crime.
"Esta fin de semana unha persoa foi asasinada e, sen entrar en máis detalles, o único que recibín foron chamadas de xente que dicía que era boa persoa, que desenvolvía o seu traballo dunha maneira exemplar", sostivo o rexedor.