CRTVG

Buscar

O crime da Esmorga chega ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia

Publicado o 12/11/2019 14:35

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia revisa hoxe a sentenza do crime da Esmorga. Os dous condenados a 16 anos de prisión polo asasinato dun mozo romanés en decembro de 2015 recorreron contra a resolución da Audiencia Provincial de Ourense. Un deles pide a libre absolución e o outro que se rebaixe de asasinato a homicidio. A nai da vítima urxe o ingreso de ambos os dous en prisión.​

Por segunda vez en seis meses, os dous acusados polo crime da Esmorga sentan perante un tribunal. A Audiencia Provincial de Ourense condenounos a 16 anos de prisión a cada un por asasinato con aleivosía. Non conformes coa sentenza, os dous recorreron perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Eduardo pide a libre absolución e Óscar que se rebaixe de asasinato a homicidio, aínda que segue mantendo que a morte foi fortuíta.

"Entendemos que non hai unha proba que sexa suficiente e razoable para entender que Eduardo, xunto con Óscar, argüíron un plan para acabar coa vida de Alexandru", explica Luis Manuel Salgado Carbajales, avogado de Eduardo. 

Á vista asistiu tamén Paula, a nai da vítima. O seu fillo, de 22 anos, apareceu morto no encoro de Albarellos en decembro de 2014. Enterrárono o día de Noiteboa. Segundo a sentenza da Audiencia Provincial de Ourense, despois de lle dar unha malleira, tirárono á auga nunha xélida madrugada coa intención de que morrese, como así pasou.

A nai agarda que os condenados ingresen dunha vez en prisión, pero amósase desconfiada: "Xa os vin no aparcadoiro e estou feita un flan. É que non é xusto. O meu fillo esta podrecendo e eles libres na rúa coma se nada. Eu non o podo entender e non teño moita esperanza".

O seu avogado, César Lorenzo, pide que se ratifique a condena da Audiencia: "Seguimos mantendo que se trata dun asasinato con aleivosía e esperamos que saia a mesma sentenza que na Audiencia provincial e que dunha vez se faga xustiza e esta xente ingrese en prisión".

Escoitadas todas as partes, o tribunal resolverá nos próximos días se ratifica a sentenza da Audiencia ou se atende as alegacións dos condenados. Aínda queda, así e todo, a posibilidade de recorrer ao Tribunal Supremo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/11/2019