O crime da Esmorga chega ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia revisa mañá a sentenza do crime da Esmorga. Os dous condenados por asasinar un mozo romanés durante unha noite de alcohol e drogas recorreron a pena de dezaseis anos de prisión que lles impuxo a Audiencia Provincial de Ourense. Á nai da vítima, pola contra, parécelle insuficiente e pide que ingresen xa no cárcere.
Constanza Paula Boghiu vive con tristeza e con preocupación as horas previas á vista, en que os maxistrados van analizar o recurso de apelación presentado polos dous condenados polo asasinato do seu fillo Alexandru, de 22 anos.
"Estou moi nerviosa. Á noite espertei cada hora. Teño unha angustia tremenda, pasar outra vez por... Menos mal que só é un día".
Medio ano despois de que o xurado popular os declarara culpables, ambos seguen en liberdade. A Audiencia Provincial de Ourense condenounos a dezaseis anos de prisión a cada un por asasinato con aleivosía pero condicionou o ingreso en prisión a que a sentenza sexa firme, unha vez que se esgoten todos os recursos, que poden chegar ata o Supremo.
"Non entendo. Para nós foi tremendo -comenta Paula-. Á parte do duro que é un xuízo así e, ao final, levamos un chasco. Espero que na Coruña... ou imos para adiante ou os meten en prisión. Eu non os quero ver nunca máis".
A sentenza da Audiencia Provincial de Ourense considera probado que os dous condenados, Eduardo e Óscar, tiraron a Alexandru ao canal do río Viñao, nunha fría madrugada, coa intención de que morrese, como así pasou. Ademais da pena de prisión, imponlles unha indemnización de 106.000 euros para a nai do falecido.
"O diñeiro tanto me ten. Se me pagasen só 20.000 euros para comprar unha casa para o meu fillo, para sempre, porque onde está non é meu. Non quero máis, que o diñeiro non mo devolve. Pero quero que paguen o que fixeron", conclúe Paula.
Os condenados piden que se revise a sentenza porque consideran que os feitos, que eles negan, non quedaron probados.