CRTVG

Buscar

O cribado móbil visita Monterrei, a comarca ourensá con peor evolución

Publicado o 31/07/2021 20:44
O cribado móbil visita Monterrei, a comarca ourensá con peor evolución

Este autobús, dos que habitualmente se empregan para as doazóns de sangue, actúa hoxe como unidade móbil para os cribados da covid aquí na provincia de Ourense. Está en Verín, na capitalidade da comarca de Monterrei que, hoxe, é a que máis preocupa na área sanitaria de Ourense. En dúas semanas, multiplicou por sete o número de positivos. Só en Verín, hai 99 casos activos, 4 novos nas últimas 24 horas. Tamén seguen aumentando os contaxios en Monterrei e en Riós.

"Eu teño cita para vacinarme o martes, pero preocúpame a situación en xeral", comenta un mozo que vai facer o test de antíxenos.

A incidencia dos últimos días elevou ao nivel alto as restricións en Verín, o que obriga a presentar o certificado de vacinación ou dunha proba negativa para acceder ao interior dos locais de hostalería.

"Para entrar nun restaurante, para cear ou para ir tomar algo, xa que agora fai falta un certificado para a hostalería". "E xa que queremos ir a Ourense, cear fóra, ter a certeza de que estamos sans, que non nos vai pasar nada", din dous participantes do cribado.

O venres realizouse nesta comarca un cribado masivo no que se detectaron 6 positivos. Algúns dos que non puideron asistir, achegáronse agora á unidade móbil.

Nuria Sueiro Domínguez, supervisora de enfermería: "Agora mesmo levamos como 60 probas e a porcentaxe de positivos é baixa, só tres, que é un dato bastante bo para como temos a zona".

O CribaBus seguirá visitando Verín todos os sábados do mes de agosto, en horario de mañá e tarde.

Noticias web

31/07/2021