CRTVG

Buscar

O cribado entre estudantes da USC recollerá máis de 1.000 mostras

Publicado o 15/10/2020 14:01

Outro dos concellos en alerta vermella é o de Santiago, que ten o foco posto nos estudantes. Hoxe continúa a toma de mostras nas residencias universitarias para facer un cribado entre a poboación estudantil.

Só en Santiago e só nesta xornada vanse realizar máis de 1.100 probas ao alumnado.

A toma de mostras xa comezaba onte á tarde na residencia do Burgo das Nacións e continúa hoxe no Monte da Condesa e nos colexios maiores. 

Hai máis de 1.100 alumnos en residencias públicas, pero faranse máis probas porque se van estender tamén ás residencias privadas. 

Dous equipos de enfermería do Sergas remataban á media mañá as probas para o cribado na residencia Monte da Condesa.

Despois de recoller máis de 300 mostras entre os estudantes continúan o seu periplo polos colexios maiores.

Entre o alumnado e tamén os docentes, destacan as medidas de seguridade de facultades e centros residenciais.

Jorge Mira, profesor da USC: "Eu creo que no marco universitario, dentro do espazo docente, a seguridade é a maior que podemos ter".

Na Universidade informan, de momento, de só 25 positivos entre o estudantado. Algúns contactos estreitos dos contaxiados cumpren corentena nas residencias. O temor das autoridades sanitarias é que, sen sabelo, poida haber máis estudantes asintomáticos estendendo o virus.

Os resultados deste primeiro cribado coñeceranse mañá e as probas repetiranse cada 14 días. O Concello de Santiago endureceu as sancións: ata 750 euros de multa aos que participen en festas ilegais.

Noticias web

15/10/2020