O Courel convértese no primeiro xeoparque mundial galego
Publicado o 12/04/2019 13:02
Galicia xa conta co seu primeiro xeoparque mundial recoñecido pola UNESCO. Trátase do Courel, entre os concellos de Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel.
O organismo internacional aprobou a candidatura presentada hai algo máis dun ano e tivo en conta as particularidades das montañas destas zonas, con pregamentos e formas case xeométricas de milleiros de anos.
Tamén se valorou o plan de aproveitamento turístico previsto e o compromiso de conservación sostible da contorna.
O recoñecemento foi celebrado neses tres concellos lugueses. Iso si, os técnicos da UNESCO farán visitas periódicas para comprobar que se cumpre cos requisitos fixados.