O Courel agarda non perder as reservas de visitantes galegos de fóra da provincia de Lugo
A serra do Courel, cos seus ríos, montañas, paisaxes e aldeas ten un atractivo especial para os turistas chegados dende as cidades e vilas. Coa campaña de primavera xa perdida, os hostaleiros agardan que dende o luns poidan recibir visitantes de Ourense, Pontevedra e A Coruña. E, máis adiante, tamén da provincia de León.
Locais de hostalería coma este de Folgoso do Courel tiñan unha alta media de reservas para marzo, abril e maio. Perdidos eses ingresos, traballan xa para poder recibir canto antes novos turistas. O problema é que a maioría veñen de vilas e cidades de fóra da provincia de Lugo polo que, aínda que están a ter reservas, non poden confirmalas e mesmo perderon algunhas por non ter a certeza de que se lles permitrá acudir na fase tres.
"Hai que saber se se abren as ´fronteiras´de Galicia, a xente está esperando. Todas as chamadas van por aí. Chaman para informarse. É bo porque levabamos dous meses sen recibir ningunha chamada."
Os hostaleiros sinalan que O Courel é o lugar máis axeitado para as vacacións das persoas que pasaron o confinamento metidas en pisos en cidades ou vilas grandes. De feito, din que a maioría de clientes proceden de Vigo, A Coruña ou Santiago. Tamén reciben chamadas dende os próximos León e Ponferrada e mesmo de Madrid, pero non poden concretar ningunha reserva ata saber cando poderá haber desprazamentos.
"No Courel poden desfrutar da tranquilidade e das paisaxes. Tamén hai rutas de sendeirismo e outras actividades. É un lugar ideal para calquera idade."
Á marxe de cando poidan recibir visitas, xa preparan os establecementos para cumprir con todas as normas de seguridade sanitaria.