CRTVG

Buscar

O Coruxo e o Celta B igualan nun derbi emocionante (2-2)

Publicado o 03/11/2019 11:23

Un gol de Yebra no minuto 95 deulle o empate ao Coruxo

Non defraudou o derbi vigués no que o Coruxo e o Celta B evidenciaron as súas grandezas e as súas eivas sobre o mollado céspede do Vao. O encontro tivo de todo. Primeiro un agarrón a Manolito Apeh que observou con bo ollo o árbitro do partido. Jacobo, aos 21 minutos, superaba a Alberto Domínguez, que estivo ben preto de deter o penalti. O Coruxo, ata daquela conservador, estirouse e deu a réplica xa na segunda parte. Vexan a acción no 1-1, na que participan Mateo no inicio, Añón na condución e pase e Youssef cun magnífico disparo para superar a Vieites. Excelente gol dun Youssef que leva 3 dos 7 goles anotados polo Coruxo nesta temporada. O equipo do Vao quixo esquecer os seus problemas anotadores e Silva case fai outro dos goles da xornada. O poste evitouno.

Cando a luz comezaba a decaer no Vao, viñeron máis alternativas. Os celestes parecían asegurar a vitoria no minuto 81. Marcou Solís, recollendo o rexeitamento. Pero non perdan a brillante acción individual de Gabri, que dá orixe ao tanto.
E cando o partido esmorecía, no minuto 95, chegou unha falta innecesaria na medular e con ela a épica do Coruxo. Foise con todo arriba, gañou o balón e Borja Yebra introducíao na portería do Celta. Foi a acción coa que rematou o partido, con certa tensión tras o asubío, e coa certeza de que o punto valeu máis para os verdes que para os celestes. Iso si, alivia ben pouco a situación clasificatoria dos dous.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

03/11/2019